Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


O CASTRO DE SAN MILLAN, A SACSAYHUMAN GALAICA

Posted on 26 Febreiro 2012 by asombradebouzapanda

AUTOR DO ARTIGO: RAFAEL QUINTÍA

Ás veces un pensa que en Galicia ou non sabemos o que temos ou non o queremos saber. Porque si realmente fosemos conscientes da riqueza do noso patrimonio arqueolóxico, histórico e artístico e do potencial identitario, cultural e económico que ten seríamos unha potencia en turismo cultural e arqueolóxico de primeiro nivel mundial. Niso pensaba eu o outro día cando paseaba entre as ciclópeas murallas do castro de San Millán. Un deses castros esquecidos da nosa xeografía que só coñecen os arqueólogos, os veciños do lugar e catro frikies adictos ás pedras e ás “cousas vellas”, como o meu amigo e guía nesta aventura Miguel Losada e o que aquí lles fala.

O castro de San Millán, situado na parroquia de San Millao (no concello ourensán de Cualedro) e datado no periodo tardorromano (s. III-IV d.C.), non adoita saír nos folletos turísticos de Turgalicia, non ten o privilexio do castro de Baroña, do de San Cibrán de Lás ou do mítico Santa Tecra. Pero pese a iso é un dos castros máis espectaculares de cantos atopamos no noso país. O castro de San Millán é o noso particular Sacsayhuaman, a nosa fortaleza inexpugnable de murallas colosais formadas por bloques de granito de varias toneladas e por algunhas pedras perfectamente labradas e encaixadas que nos lembran as construcións incaicas, pese a non chegar á perfección milimétrica dos ensamblados das peruanas.



Fiz facendo de referencia fronte ós bloques da muralla.


Pedra de nove ángulos, o castro de San Millán


No Cusco, fronte ás pedras perfectamente ensabladas das construcións incaicas.

Cando me atopaba fronte a estas ciclópeas murallas e sillares ou “perpeiaños” non puiden deixar de experimentar a mesma sensación de insignificancia e admiración que tiven hai xa sete anos cando, tras un mes percorrendo o Perú coa miña mochila, cheguei ós pes da xigantesca fortaleza inca que protexía o Cusco —o embigo do Mundo—, refírome a mítica e enigmática Sacsayhuaman.

Un servidor ós pés da fortaleza inca de Sacsaiwuaman (ou Sacsayhuaman)




Os compañeiros João Bietez e Miguel Losada ós pés da muralla do Castro da Cidá

Pero volvamos á nosa terra. A escasos quilómetros de San Millán atopamos outro interesantísimo castro, o de Saceda, datado no 450 a.C. e dotado tamén dunhas impresionantes murallas moi ben conservadas pese ós anos transcorridos dende o seu abandono, alá polo cambio de era.

O castro de San Millán, tamén coñecido como Cidá do Castro, é un recinto fortificado de planta ovoide de máis de 2 hectáreas de extensión, circunvalado por fosos, parapetos, ata tres murallas de pedra de dimesións descomunais.



Anxo camiñando cara á segunda muralla do castro. Véxase a altura dos muros aínda en pé


Na lomba este, un campo de pedras fincadas (os coñecidos como chevaux-de-frise) para impedir un ataque da cabalería. É dicir, que parece que temos pouco de murallas de prestixio e ostentación e moito de funcionalidade e defensa, xa me entenden por onde vou.



Os espazos que se abren entre a muralla exterior e a segunda muralla son descomunais e poderían dar acubillo a miles de persoas e non menos cabezas de gando.


No foso formado entre as dúas murallas que protexen a súa cara norte é posible distinguir o que semellan os restos de dúas torres de planta circular e que aínda conservan case dous metros de altura.

No interior da muralla que circunda a croa do castro podemos observar os restos dalgunhas cabanas de planta circular e outras de planta cadrada. Perto da segunda muralla que nos atopamos cando accedemos ó castro e sobre unha laxe aparece unha pía redonda con canle labrada na rocha e que algúns identifican cun antigo lagar.



A porta principal do castro, ou cando menos a que aínda podemos ver hoxe en día, está na lomba que dá ó canón do río que o rodea. É unha abertura de apenas tres metros de ancho que semella escondida nunha esquina da muralla, o cal, indubidablemente, non debeu de ser un feito arquitectónico casual.


No grande recinto da croa existe unha construción que me chamou enormemente a atención. É unha desas construcións que nos estudos arqueolóxicos soen pasar inadvertidas ou ás que se lle soe facer pouco caso por non saber moi ben como catalogalas. Refírome ó que eu identifico cunha plataforma ritual, é dicir, un espazo que podería estar adicado a unha función relixiosa ou ritual, que para o caso que me refiro ven sendo o mesmo. A posible plataforma ritual está formada por un bloque de granito perfectamente labrado e cortado nas súas catro caras e que posúe na súa parte superior dúas pía labradas na pedra e a distinta altura, unha delas con canle de desaugue. A orientación da plataforma, se nos poñemos mirando ó exterior do castro é de 145º sureste. Unha orientación peculiar sobre a que haberá que afondar porque se repite en moitos outros monumentos similares.




Na grande explanada entre murallas, na cara este do castro, aparece tamén outra interesante construción realizada tallando distintos formacións naturais de pedra para facer un pequeno recinto rectangular duns 3mX2m aproximadamente e cun pequeno corredor de entrada e un pequeno conduto triangular na parte oposta.

Este xacemento foi estudado por primeira vez no 1953 por López Cuevillas e Tavoada Chivite e posteriormente, a principio dos 80, por Francisco Fariña Busto e Xulio Rodríguez González.



Dende entón, a Cidá do Castro permanece esquecida naquel inmenso val que nos separa e nos une ó irmán Portugal, agardando á sombra do divino Monte Larouco e pendurado no canón que labrou o río que rega estas terras a que algún solitario visitante descubra a grandiosidade da súa construción e a gloria perdida que encerraron aquelas murallas construídas hai dous mil anos e que hoxe aínda nos observan orgullosas e impasibles coma unha lexión de xigantes de pedra que gardan os segredo do noso pasado.

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress   Blog da Antropoloxia Galega

Wordpress En Facebook

Twitter   En Twitter

Youtube   En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

Aviso Legal