Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


A SAGA e o roteiro da Lama da Saceda

Logo_SAGA

A SAGA e o roteiro da Lama da Saceda

 

 

O Concello de Cualedro, Ourense, está a desenvolver unha iniciativa de grande importancia cara á normalización da relación entre a sociedade e o medio natural e o patrimonio cultural. Neste concello de montaña, nas beiras do Larouco, sitúase o formidable Castro da Saceda e ós seus pes a “Lama da Saceda”.

 

Trátase dunha laga, ou área asulagadiza rodeada por un gran muro de pedra construído polas xentes deste planalto nalgún tempo remoto e indeterminado. Xuntos, laga e castro constitúen unha unidade paisaxística de primeira calidade para a nosa cultura.

A intervención arqueolóxica no castro, baixo a dirección de Alberte Reboreda, e co gallo de poñer ó día os coñecementos ó respecto, complétase co deseño dunha ruta arredor do biotopo da lagoa. Así, o Concello de Cualedro dá varios pasos cara adiante na protección destes bens naturais e culturais pola vía da mellora e ampliación do seu estatus de publicidade e notoriedade.

Varios paneis dispostos preto das diferentes áreas do conxunto pretenden ampliar a fondura da ollada do visitante.

Xunto cos especialistas e membros do equipo da SAGA no Alto Támega, o naturalista Xosé Ramón Reigada e o enxeñeiro Rafa Castro, a SAGA no seu conxunto está a colaborar na elaboración dos contidos relacionados con esta acción a prol da Cultura de Galicia.

Xosé Ramón Reigada está recoñecido como unha referencia imprescindible nas cuestións relacionadas co medio natural de toda esta grande área bioxeográfica galaica e transmontana. Os seus mágnificos debuxos, fotografías e textos ilustran boa parte dos paneis que acompañan ó visitante neste percorrido. A dirección técnica ven da mau do enxeñeiro Rafa Castro, experto coñecedor do mundo tamagánico en xeral e das relacións ó longo do tempo entre as sociedades humanas e o seu medio, neste contexto R. Castro achega, ademais, os froitos das súas investigacións sobre o sistema tradicional de aproveitamento silvopascícola na zona. Así e todo, o verdadeiro protagonismo corresponde á xente da Saceda, que proporcionaron os datos, os nomes e as lendas e, sobre todo, foron quen de gardalas para nos durante xeracións.

Froito destas sinerxías son textos e imaxes coma as seguintes que, dispostos nos paneis, tentan suscitar a curiosidade dos visitantes cara ós valores deste senlleiro espazo xeo-histórico de Galicia. As actuacións estarán rematadas e en breve e así o faremos saber dende os medios de comunicación da SAGA. Mentres poden ir lendo aquí, se o desexan, unha parte deste traballo colectivo e dos textos confeccionados pola . Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) para os paneis informativos deste proxecto de posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial:

 

O ser humano desenvolveu sempre unha relación dinámica coas ideas de Terra, Ceo, Auga e o resto dos elementos da paisaxe, os cales actuaron como referente integrador dos sistemas de prácticas sociais e crenzas relixiosas.

 

É por isto polo que todas as culturas antigas e tradicionais do planeta foron sensibles, permeables e activos creadores de fluxos de información nos que as diferentes perspectivas visuais nunca aparecen como panoramas neutros ou faltosos dunha esfera de sentido e significado. Ao contrario, e tendo en conta que as sociedades da antigüidade entendían o mundo como un feito transcendente ou sacro se se quere, cómpre considerar que toda paisaxe ten sido definida dentro dun contexto ideolóxico desenvolvido, en cada caso, como un concreto modelo de sociedade.

 

Deste xeito, e se as sociedades actuais son diferentes daquelas da prehistoria recente, tamén o é a paisaxe que hoxe percibimos respecto da percepción daquel tempo, xa que percibir é interpretar.

 

Non hai ningún dato aínda que permita soster que a comunidade que edificou o Castro da Saceda sexa unha excepción dentro do seu contexto crono cultural europeo e atlántico, o cal non vén determinado polas manifestacións materiais da súa cultura, que sempre son funxibles, intercambiables e accesorias, senón pola súa adhesión, chea de matices locais, a un programa ideolóxico e simbólico característico da fachada occidental do vello continente.

 

Esta acrópole foi situada nunha contorna rica e biodiversa e foi deseñada por unha sociedade complexa que ancoraba os seus alicerces na idea dos intercambios a longa distancia, que xa foran protagonistas de períodos anteriores como o neolítico ou a idade do bronce.

 

Deuses, mitos e ritos varios, ademais doutras categorías culturais, deberon “poboar” os lugares e fitos visibles dende o recinto do Castro da Saceda e máis aló. Cómpre imaxinar a grande Lama da Veiga, aos pés do castro, ou o Monte Larouco limitando o horizonte como elementos interpelantes netos; morada dos deuses, hábitats de seres míticos, escenario natural de cosmogonías pretéritas. Tamén o deberon ser os lugares próximos como o denominado hoxe A Igrexiña dos Mouros, ou o túmulo megalítico do Madorriño, entre outros.

 

As xentes da Saceda transmitíronos, por exemplo a extraordinaria tradición segundo a cal os Mouros posuían un martelo máxico e voador que podía ser guindado dende a Igrexiña dos mouros até o Castro da Saceda, e dende aló cara o túmulo do O Madorriño e despois cara o Castro de San Millao.

 

Cando aquelas persoas ollaban dende este outeiro cara aos amplos horizontes, sen dúbida contemplaban unha realidade aumentada na que as toponimias daquela época darían conta do carácter transcendental dos espazos naturais. As contornas máis inhóspitas, como os cumios do Larouco, puideron ser entendidos como manifestación divina en si mesma, hierofanía, “deus supremo”, segundo as inscricións do lugar de Pena Escrita, precisamente pola súa condición extrahumana.

 

A Lama da Veiga, se cadra, puido ser unha porta ao Alén xa que así o foron estes espazos chaguazosos ou as xeografías acuáticas no común das tradicións europeas. Bosques, animais e augas deberon ter, dentro daquel contexto cultural, propiedades simbólicas, máxicas e míticas, tal como acontece e se verifica noutros contextos semellantes moito máis sometidos ao escrutinio científico, signo dos tempos actuais post newtonianos.

 

Existen moitas categorías diferentes de augas continentais. De entre as que non corren e segundo a súa fondura, amplitude e orixe, en cada lingua do mundo apareceu toda unha familia de palabras que fai referencia a eses lugares nos que este elemento vital desenvolve unhas ou outras características. A limnoloxía é a especialidade que os estuda.

 

No caso da laga da Saceda, dentro do contexto cultural galaico e posto que a paisaxe enteira está vehiculada pola lingua propia de Galicia, atopámonos diante dunha “Lama” ou superficie chaguazosa con zonas adxacentes que varían, dentro da unidade que integran, entre os prados húmidos e as áreas inundadas. Case que toda a superficie é susceptible de asulagamento estacional o cal ten mais ou menos extensión segundo os anos.

 

O seu interese é grande en calquera caso tanto polo seu emprazamento nun planalto, segundo a expresión local, de terreos acedos e con poucos nutrientes libres, oligotróficos, como pola notable abundancia e diversidade de especies que dispoñen dela como ecotono do biotopo que se xera ó seu redor. Non é menos a súa importancia cultural en tanto que espazo de transición entre os medios terrestre, acuático e aéreo. Seres destas dimensións danse cita nesta Lama da Saceda que fica por este procedemento, instituída en interface que fai de continuidade entre as tres.

 

Esta circunstancia non pasou desapercibida para a sociedade tradicional da contorna da Saceda e así debeu acontecer tamén no caso das que a precederon sobre este territorio xa que todas elas desenvolveron de xeito intuitivo e tamén mediante a experiencia, un amplo coñecemento do seu medio.

 

A riqueza do vocabulario da fe do recoñecemento desta complexidade e xa que logo, da transcendencia desta Lama da veiga da Saceda como lugar de encontro do natural e o cultural. Esta intensa relación, predicible para calquera tempo, das comunidades da súa beira xustifican que esta Lama da veiga da Saceda sexa tamén un lugar respectable e valioso dentro da sociedade actual.

 

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress  Blog da Antropoloxiagalega

Facebook En Facebook

Twitter  En Twitter

Youtube  En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

Aviso Legal