Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


Old Sarum e o cervo

OLD SARUM E O CERVO

Miguel Losada. Secretario da SAGA.

Algo acontece en Old Sarum. A grande chaira de Salisbury resulta ser unha das iconas mais sobranceiras do imaxinario cultural europeo.

Perspectiva sobre a mota de Old Sarum. Planta da desaparecida catedral.

Unha chea de monumentos antigos ateigan este espazo ó longo e ancho da paisaxe, a cal resultaría mais ben monótona de non ser por esta circunstancia. O que non resulta tan sabido é o feito de que na outra dimensión, a fondura, esta zona amosa tamén unha interesante característica como é o feito da continuidade. Así, constátase que as formalmente diversas sociedades que teñen desenvolvido ó longo do tempo o seu espazo vital nesta rexión, aproveitaron unha e outra vez os mesmos lugares, moitos deles, para as súas actividades , para proxectar a súa ideoloxía ou visión do mundo.

Cecais o caso mais salientable sexa o do “castro” de Old Sarum. Atópase sobre un terreo composto da clase de calcaria de orixe orgánica que se emprega para facer o xiz, a creta. Nesta caste de rochedos adóitanse atopar nódulos de sílex e no caso de Old Sarum, esta realidade é abraiante. Está, ademais, moi preto da vila de Salisbury, nun outeiro construído á beira dunha antiquísima vía de comunicacións. É un dos solares mais inveterados de Inglaterra, berce da cidade e un dos primeiros templos católicos do pais. Os ríos Avon e Bourne marxean a contorna.

Mais iso non é todo. Hai uns 5000 anos, este modesto lombeiro británico era un lugar de respecto e “reverencia”, segundo as fontes británicas, para as poboacións locais neolíticas. Neste balcón artificial sobre chaira, estruturas de grandes postes de madeira postos en pé e semellantes a outros que veremos dentro desta serie de entradas da SAGA sobre Gran Bretaña, foron dispostas dentro dun contexto ritual. Foron tanto resposta como consecuencia da visión do mundo que tiña aquela xente.

Un castro, hillfort, celta foi construído no curuto cara o ano 400 antes da nosa era. Dende este lugar dominábase unha contorna pola que se espallaban  numerosas granxas. Ca chegada da colonización romana, aló contra o ano 43, esta posición estratéxica acolleu unha fortificación de certa entidade, cunha torre. Chamaron ó lugar Sorviodunum

Marcharon os romanos e chegaron os saxóns. Old Sarum foi adaptado e transformado nun establecemento saxón. Foi apetecido polos vikingos cando menos dende o ano 1003, no que atacaron a contorna. Deste volta serviu de refuxio á poboación local  e a unha ceca, fábrica de moeda,  real.

Muralla interior de Old Sarum. Está feita de sílex amalgamado nunha argamasa calcaria.

Detalle dos croios de sílex na muralla interior.

O tamén normando Guillerme o conquistador, William the Conqueror para eles, mandou facer unha mota no centro do círculo definido pola enorme gabia exterior.  Así xurdiron outra gabia interior, o curuto secundario resultante e a pontella que salvaba o valeiro. Todos estes elementos e o predominio da madeira como material construtivo, definiron esta fortificación imaxinada dende a mais “académica” poliorcética normanda. Este castelo foi unha peza clave na conquista da illa. Puidemos imaxinar, grazas a Bernardez Vilar[1], a Guillerme sobre o seu cabalo galego e botando unha ollada ós tremendos foxos que constitúen a principal defensa desta mota. O caso é que algo mais tarde, no 1075, decidiuse a construción da catedral. Uns cen anos despois o castelo foi cárcere para Leonor de Aquitania.

A catedral primixenia foi desmantelada, transformada en canteira para poder construir, rapidamente, un novo templo. As liortas polo poder entre o rei Henrique I e o bispo Herbert Poore foron a causa e a tradición popular botou man da súa ampla e antiga equipaxe de contidos e deixounos unha versión dunha lenda que de contado levounos a pensar en dous traballos, liñas de investigación en realidade, que coñeciamos da mau de cadanseu autor. André Penha,[2] no eido da Arqueoloxía Institucional[3] e Marcial Tenreiro,[4] no da Etnoarqueoloxía e a Etnohistoria (Archaeoethnológica[5]).

Resulta que cando os poderosos daquel tempo acordaron desfacer a vella catedral e desprazar o seu eixo de poder non debían facelo de calquera xeito. Non, cumpría facelo dentro da observancia do rito. Este rito era antigo, mesmo arcaico xa daquela, mais era o tal para garantir tanto as condicións de idoneidade simbólica do novo solar como a lexitimidade do poder que emanaría da nova construción.

O ritual aparece perfectamente expresado nunha lenda local vixente inda en Salisbury segundo a cal foi lanzada unha frecha dende o alto do castelo.  Aló onde, pola graza  de Deus, caira sería onde debería erixirse a nova catedral. Un arqueiro armado cun Long bow ou arco longo de madeira do sagrado teixo, yew, apuntou alto, moi alto, e facendo renxer a extraordinaria madeira tensou ó máximo e logo liberóu os dedos. Cun seseo de serpe partiu a frecha describindo unha gran camba no ceo gris. Comezou a baixar e cando xa ia tocar terra de novo, uníndoa así co ceo, aconteceu algo extraordinario. O proxectil apañou un cervo que tiña aparecido de súpeto. Cangouse no seu lombo mais non o matou de vez. O animal, ferido de morte, percorreu correndo un par de millas até caer morto no lugar onde hoxe fica a catedral da vila de Salisbury.

A cuestión é que esta peza da etnografía local transfórmase en europea e atlántica mediante a “condensación” de tres grandes elementos do imaxinario do continente. A saber, o cervo como animal místico, a “caza salvaxe” e os ritos xurídicos posesorios mediante o uso de armas.

O proxectil actuaba como vector simbólico da forza moral e, por extensión tamén da social, do bispo. O seu uso implica, pois, a existencia dunha tripla acción – unha ideoloxía tripla – tan característica dos contextos culturais célticos.[6]

- Proxección da personalidade do aspirante, o bispo neste caso, cara a terra.

- Catalizador da vontade divina, actuando case que o xeito de “antena”.

- Forma ou mais ben fórmula, de exteriorizar unha pretensión xurídica validando a súa consistencia formal nun contexto de solemnidade.

A Tradición, con letra capital, adoita funcionar en calquera parte ou sociedade como “centro de recursos”, fonte de homologación de calquera predicado que pretenda invocar un valor social. Así, mediante o expediente do cotexo co repertorio de formas, ou fórmulas, tradicionais a comunidade dispón dun método de verificación e integración de contidos estandarizado.

Neste caso a lenda comeza como un relato que apela á categoría ben establecida de acceso á condición de señor dun territorio mediante a proxección sobre este dunha arma, como vemos na obra de Tenreiro. Despois introduce outro plano que ven definido pola irrupción do cervo no rol de ser místico, o cal actúa, no contexto cristián da época, como imaxe do corpo místico de Cristo. Isto ven demostrado nos bestiarios medievais, onde o cervo aparece combatendo ás serpes tal como o fillo de Deus combate ó mal[7]. Este recurso ó cérvido como avatar remite cara a terceira peza da composición, a “caza salvaxe” entendida como formulismo de apertura da porta cara o territorio do “arciprestádego” mais antigo e poboado (ergo, o mais significado e provedor de prestixio), o do mundo das ánimas dos que moran no Alén. A caza do cervo está relacionado ca posibilidade do ascenso destas cara o outro mundo.

Como probablemente xa fixeran todos os anteriores prebostes, probablemente dende o mesolítico, dada a importancia da caza e das armas, o bispo da vella Sarisburia medieval levou a cabo un rito de empoderamento que mediante a caza/sacrificio do cervo/Cristo actualizaba ou reeditaba, dentro dun contexto de continuidade, un xesto atávico e inmemorial. Un xesto no que o cervo aparece milagrosamente para autoinmolarse en beneficio da comunidade, na mais pura ortodoxia animista. E por iso mesmo, un xesto que valía o mesmo que vale unha eucaristía.

Cervos e armas son precisamente un dos motivos mais conspicuos dos petróglifos galegos.  Pode que Galicia conserve, unha vez mais, algunhas das claves que permitan comprender mellor o significado histórico de lugares coma iste de Old Sarum.

O noso agradecemento ó Prof. Marcial Tenreiro, polos seus valiosos e atinados apuntamentos ó respecto deste artigo. Efectivamente, tal como Tenreiro ten feito notar, o cervo nesta tradición semella “funcionar” como un animal guía, un ser que actúa de mediador na procura dunha visión ou significado transcendente. Neste aspecto o cervo tería un valor semántico dual, no sentido de que dunha banda estaría relacionado ca función psicopompa ou guía cara o acceso ó plano do Alén. Doutra o seu rol é claramente fundacional e xa que logo institucional, en tanto que catalizador do intre fundacional da Basílica Catedral e da cidade de Salisbury. En palabras de Tenreiro, “…mistura perfeita de duas tradições fundacionais a de projetar uma arma (relacionado com rituais jurídicos) e a do animal condutor”. (Comunicación persoal)

Algúns dos estoicos habitantes de Old Sarum inda gastan capa.


[1] Bernardez Vilar, Xoan. No ano do cometa. Ed. Xerais, 1987. ISBN 9788475078311   Novela histórica ambientada na Europa do ano 1066. Trala morte do rei Edward o Confesor, aconteceu a brutal loita sucesoria na que o autor sitúa a acción e a participación galega na urde de acontecementos.  O cometa Halley apareceu nese mesmo ano e será tomado como signo propicio cara á conquista da Gran bretaña por Guillerme de Normandía.  264 págs. Encuadernación: Capa mol. Lingua: GALEGO

[2] Andrés J. Pena Graña/ André Pena, MA, Ph.D. in Ancient History and Archaeology, is the Dean of the Galician Institute for Celtic Studies and the Historian, Archaeologist and Archivist of the City of Narón, north west Galicia.

http://andrepenagranha.wordpress.com/2013/08/07/la-amoura-y-el-caballero-revisitado-por-andre-pena-granha/

http://andrepenagranha.wordpress.com/biography-2/

[3] Pena G. André  http://www.calameo.com/read/001292957d04ee420da9a   p21 e ss

[4] Tenreiro Bermúdez, Marcial. Universidade da CoruñaHumanities, Faculty Member

Cfr.:https://www.academia.edu/209966/Throwing_the_spear_a_legal_ritual_in_a_Spanish_Chronicle_of_the_XV_century_and_their_parallels_spanish_text_

Cfr.:http://es.scribd.com/doc/33187767/La-lanza-en-La-Tierra-Rituales-Juridicos-de-toma-de-Posesion-entre-la-Antiguedad-y-la-Edad-Media-Marcial-Tenreiro-Bermudez

[5] http://archaeoethnologica.blogspot.com.es/p/quem-sou-eu.html#uds-search-results

[6] Cfr. Pena Granha, A. p.136 e ss.http://www.calameo.com/read/001292957d04ee420da9a

[7] Esta asimilación provén do antecesor dos bestiarios medievais, o Physiologus, de autor descoñecido e tamén da “recepción” ou versión que desta obra fixo San Epifanio de Salamina.

Tamén pode ser moi interesante a consulta destes materiais aportados polo prof. Tenreiro:

Artigo de Alfredo Erias no Anuario Brigantino sobre a caça do Javarim na Idade Meia

http://anuariobrigantino.betanzos.net/Ab1999PDF/1999%20317-378%20jabali%20Erias.pdf

Sobre as lendas de animais guias. Segundo volume da tese do etnógrafo bretão Joe Hascöet. Capitulo sobre o animal guia desde a Antiguidade às lendas hagiográficas medievais, e que especialmente lhe dedica um apartado ao Cervo (p. 611-613 da tese; p 189-191 do pdf).

http://hal.archives-ouvertes.fr/index.php?halsid=2lj3nnvkfgai9ddoefcunqlou5&;;view_this_doc=tel-00550144&version=1

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress   Blog da Antropoloxia Galega

Wordpress En Facebook

Twitter   En Twitter

Youtube   En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

Aviso Legal