Na data do xoves, día 16 de marzo de 2017, celebrouse unha Mesa Redonda sobre o costeiro Castro de Lobadiz que tivo lugar no auditorio da "Sociedade Galega de Historia Natural" (S.G.H.N.), sita no barrio de Canido da cidade departamental de Ferrol (A Coruña).
A forticación castrexa protagonista da xornada, ocupa a totalidade da superficie dunha pequena península que recibe o apropiado topónimo de Punta do Castro, recollida na freguesía de San Xurxo da Mariña da devandita cidade. Este apéndice xeográfico ven separar a praia de Doniños da cala de Lobadiz. Frente del, a uns 400 m., érguense os dous illotes de As Gabeiras, asociados coa habitación castrexa na maioría do contexto lendario e mitolóxico que recolle a memoria popular do lugar. A saber:
- Existencia en tempos pretéritos dunha ponte que unía directamente o castro e os illotes.
-A presencia dunha fonte de auga doce nunha das pequenas ínsuas.
-Avistamento dunha ringleira de luces nos campos que preceden ao castro peninsular, que, logo de atravesalo, continúa camiño cara ás Gabeiras -orientadas cara ao poniente- mentres van desaparecendo á vista, unha tras doutra, a medida que chegan a estas dúas masas rochosas que sobresaen das atlánticas augas. (Rexistro etnográfico que encadra e categoriza o escenario como "lanzadeira de almas" -cara ao Alén-. Sumándose, neste particular aspecto antropolóxico, ao propio escenario natural da ubicación do coruñés santuario de Sto. André de Teixido, ou á península onde se localiza o santuario pontevedrés da Virxe da Lanzada, p.e., entre outros espazos litorais, cunha tipoloxía xeolóxica especial e particular, evocadora e emocionalmente catalizadora, rexistrados na área territorial continental de influencia cultural celta...).
A exposición temática correu da man de Pedro Perales Garat (historiador e arqueólogo, da asociación PAFERR), Alberto López Fernández (secretario da AA.CC. "Grupo de arqueoloxía Terra de Trasancos") e David Fernández Abella (arqueólogo da empresa "Argos Arqueología, S.L."). A organización do evento conta tamén coa participación do "Foro de Amigos de Ferrol" (F.A.F.).
Ligazóns de interese:
* S.G.H.N.: http://www.sghn.org
* Asociación PAFERR: http://paferr.es/page5.html
* AA.CC. Grupo de arqueoloxía Terra de Trasancos: http://www.arqueoloxia.com
* Argos Arqueología, S.L.: http://www.argosarqueologia.com
* Foro de Amigos de Ferrol (F.A.F.): https://foros.xenealoxia.org/viewtopi...
Sociedade Antropolóxica Galega
Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.
Blog da Antropoloxia Galega
En Twitter
En Youtube
En Ivoox
En Isuu
Aviso Legal