San Martiño de Salcedo, a terra dos salgueiros, é unha parroquia con forte personalidade propia que afunde as súas orixes no pasado máis remoto. Os seus penedos agochan en silencio a milenaria linguaxe que gravaron os nosos devanceiros. Os seus cumios gardan a semente da nosa cultura. San Martiño de Salcedo é un universo mítico sobre o que se teceron historias, conto, lendas e crenzas construídas polas xeracións que habitaron estas fértiles terras penduradas sobre a vila de Pontevedra. O antropólogo Rafael Quintía recolle neste extenso traballo etnográfico unha boa mostra da riqueza cultural do patrimonio inmaterial desta parroquia pontevedresa que antano foi concello.