Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


VIAXE DA SAGA Á “CIDADE DOS HOMES FORTES”

VIAXE DA SAGA Á “CIDADE DOS HOMES FORTES”. OS ACENOS GALAICOS DO CASTRO GALÉS DE TRE`R CEIRI.

Neste pasado inverno a SAGA comezou unha investigación que, nun dos seus eixos principais, inclúe a análise e contextualización crono cultural dos primeiros entornos urbanos da Galicia prehistórica. Neste sentido entendemos que, ós efectos das nosas pescudas, son cidades prehistóricas galegas aqueles lugares deseñados como contedores permanentes dun novo modelo de espazo vital xurdido hai uns tres mil anos da mau das comunidades do noroeste peninsular ibérico cando comezaron a exteriorizar, de xeito diferente a todo o período anterior, a xestión común das interaccións co medio e con outros grupos ou sociedades.

castro de san millán

Castro de San Millán

Así, as cidades serían, na nosa hipótese de traballo, un epifenómeno do cambio social que tentamos documentar e, sobre todo, situar a carón dun factor de escala que eventualmente permitise axudar a entender á Cultura Galega dentro do contexto atlántico, un amplo marco de referencia espacial e temporal que fundamentalmente o é porque é antropolóxico. Trataríase en definitiva, de comprobar sobre o terreo, até que punto a Cultura Galega (enténdase cultura galaica da Idade do Ferro) formou parte dun proxecto ideolóxico atlántico, como chegou a elo e que rol puido ter desempeñado naquel contexto.

DSC_0825

Cidade Morta dos Galegos

Cando pensamos en cidades nas alturas, nos cumiais, curutos, tesos, lombos e lombeiros de Galicia referímonos a elas como castros, na meirande parte das ocasións. Campan na nosa cultura coma senlleiro estandarte identitario. Mais esta condición cuase totémica que se lles ten atribuído puidese estar faltosa dunha sana relativización en tanto que fenómeno cultural singular.

DSC_5051

Castro de San Cibrán de Las

Asi pois, viaxamos cara diferentes cidades prehistóricas da nosa contorna atlántica co albo de comprendelas, na medida das nosas posibilidades, dende a perspectiva propia dos galegos. Un dos obxectivos prioritarios do noso itinerario foi a illa da Gran Bretaña. Aló existe, como en Galicia e outros lugares, unha grande taxa de complicidade cultural coa idea de “cidade prehistórica e fortificada sita nas alturas”. Naquela terra chámanlles “hillforts” e constitúen, tamén, o emblema da súa “cultura castrexa” da Idade do Ferro.

DSC_9095

Fosos e parapetos do hill fort de Old Sarum

No proceso de documentación constatamos que, como no caso galego, a súa natureza verdadeira non é unha cuestión plenamente pacificada. Deste xeito, pénsase que poden ter sido asentamentos permanentes ou non, residencias de elites maila súa corte ou de sociedades relativamente igualitarias; respecto doutros hillforts hai quen pensa que puideron ser centros loxísticos da xestión comunal dos recursos agropecuarios; refuxios temporais fronte ás incertezas das situacións de emerxencia; conxuntos adxectivos doutros asentamentos previos situados nas proximidades e feitos con materiais máis perecedeiros; centros relixiosos operativos nunha parte do ano; conxuntos autoafirmadores da propia identidade fronte á competencia doutras comunidades ou grupos dun territorio máis amplo.

DSC_9012

Fronte ó hillfort de Uffington Castle

Algunhas semellan ter sido pequenas granxas ocupadas por un reducido número de familias de xeito estacional, as Defended farms da bibliografía inglesa. Como categoría teñen tamén unha gran variabilidade en tamaño e localización, abranguendo calquera extensión entre 1 e 80 hectáreas, tanto nos curutos máis inaccesibles ou as verdes e mansas chairas. Tamén coma no caso galego podemos falar dun desenvolvemento histórico semellante xa que o seu, breve, intre acadou dende hai uns 31 séculos até uns 21 séculos ( 3100 antes do presente até o ano 50 da nosa era), uns mil anos.

DSC_0014

Maiden Castle

Non serían estas as únicas similitudes que atopamos no noso percorrido. Mais non puidemos visitalos todos. Tivemos que escoller algún en función de diferentes motivos. Logo de moito ler e consultar decidimos que iamos comezar polo que está considerado o máis perdurable e mellor conservado castro británico: o inexpugnable castro galés de Tre´r Ceiri ( debemos ler “ Tri Keiri” ). Puidemos ter escollido outros de máis doado acceso e tamén moi representativos, como Carn Fadrun ou Gar Boduan onde ademais, hai un uso continuado das fortificacións dos seus cumios até a alta Idade Media, cousa que non acontece en Tre´r Ceiri.

DSC_8696

Como se da árbore Yggdrasil se tratase, o castro de Tre´r Ceiri álzase sobre o curuto da montaña

O que ignorabamos era que iamos chegar ás Illas Británicas no medio dun intenso temporal de vento e neve que tiña a todo o pais mudado máis que nunca na branca Albión. Esto complicou algo as cousas.

DSC_8703

equipo da SAGA que ascendeu ó castro de Tre´r Ceiri

Esta fortificación xunto ó Mar de Irlanda, nas portas do Mar das Casietérides e do Mar do Norte, atópase na costa da península de Llyn, na serra das Rivals e moi preto da bisbarra de Snowdownia, outro lugar do que tamén falaremos por outros motivos.

DSC_8764

Esta serra acada a súa máxima cota no curuto que fica como compañeiro do de Tre´r Ceiri, o Yr Eifl, que tamén aparece no video deste artigo cos seus 564 m de altura. Por toda a contorna existen minas de estaño, cobre, ouro e outros metais.

DSC_8720

A 450 metros sobre o nivel do mar, atopamos un alongado recinto, dunhas 2,5 h. e fortificado cun sistema de murallas de pedra. A extensión media para os aproximadamente 1000 castros galeses é de 2h. No interior había unha considerable abundancia de edificacións irregularmente repartidas pola campa daquel adral.

Planta de Tre´r Ceiri vista pola SAGA.

Planta de Tre´r Ceiri vista pola SAGA.

Causa admiración, popular e erudita, na Gran Bretaña o feito de que os seus parapetos exteriores conserven até mais de tres metros de altura nalgúns tramos ou que as cabanas teñan inda case un metro de alto.

DSC_8750

Hai unhas 150 delas, deseñadas segundo varios modelos diferentes. De planta circular, as máis antigas; rectangulares as do período medio e alongadas as derradeiras. Os diámetros destas construcións varían entre os 3 e os 8 m. Estímase que chegou a acoller unhas 400 persoas no período romano-británico.

Unha cabana circular e varias adxectivas.

Unha cabana circular e varias adxectivas.

DSC_8758

DSC_8737

No disforme recinto inda están operativas as tres portas que tiña orixinalmente. Unha principal cara o noroeste, outra cara o suroeste, pola que entrou a SAGA, e outra cara o norte.

DSC_8742

Resulta interesante atravesar algunha destas portas a xeito de túnel, que inda conserva as lumieiras que terman das antigas pedras da muralla. Comparten os castros galeses e británicos en xeral, outra característica “galaica”: as súas pedras tamén teñen sido levadas, a carros, para facer con elas os pobos e vilas que hoxe existen.

Tri ceiri 2 - copia

Explicáronnos que “ Tre´r Ceiri” significa, na lingua galesa, a cidade dos fortes, inda que de xeito máis habitual tradúcese ó inglés como “cidade dos xigantes” seica por un erro que ben de antigo. Este castro está tamén dentro da tradición artúrica, e así igualmente explicáronnos a lenda local segundo a cal este lugar tería sido o lar do xefe galés Vortigern, ( Gwtheyrn na lingua propia do pais).

SAM_2234

 DSC_8740

Este, co gallo de aproveita-las posibilidades militares que a presenza dos Anglos, Xutos e Saxóns representaban no século V, aliouse con eles ou tería acordado que actuaran coma mercenarios contra os caudillos veciños, celtas coma el. Seica, pois un arribista feito que prefería, segundo a tradición popular, ficar torto se con iso os veciños ficaban cegos ou, mellor inda, mortos. Trata tamén deste tema Geoffrey de Monmouth na súa Historia dos Reis da Britania. Contan tamén que estaría soterrado, ou ben nas inmediacións do Tre´r Ceiri ou mesmo dentro do adral. Esta tumba sería na tradición local a “cama” bedd” de Vortigern.

 DSC_8745

O caso é que dentro desta cidade prehistórica, na sucinta croa que posue, atópase un lugar funerario moito máis antigo, dos primeiros séculos da idade do bronce. É o denominado Carnedd Tre´r Ceiri, un montículo de pedra con dúas fases de utilización. Na primeira realizouse unha morea de terra e pedra duns 15 m de diámetro na planta e 6,5 no cumio. Na segunda outro superposto duns 20 m de diámetro na base e 1m máis de alto. Ámbalas dúas recorreron as cremacións como práctica funeraria.

DSC_8790

Enlaces de interese

http://www.museumwales.ac.uk/en/2373/

A versión de G.K. Chesterton sobre a historia de Inglaterra

http://www.shu.edu/catholic-mission/upload/Pequena-Historia-de-Inglaterra.pdf

Vortigern

http://www.kingarthursknights.com/others/vortigern.asp

DSC_8784

A continuación achegámo-lo video da nosa viaxe ó castro de Tre´r Ceiri. A meteoroloxía era adversa, as horas de luz escasas, o vento frío e a neve -ás veces ata a cintura- convertía o, xa de por si, duro ascenso nun penoso e esgotador viacrucis. Mais o que se agochaba nese curuto das célticas costas galesas ben valía o esforzo.

 IMG_6741

Visiten connosco o castro de  Tre´r Ceiri, observen as súas estruturas, as súas casas, a súa fachendosa fasquía, seguro que lles terá un aire familiar e quizais acaben sentindo, coma nós, que se coaban ás agachadas na casa duns curmáns máis cercanos do que algúns nos queren facer ver.

 http://youtu.be/Pfsh0hXkf7E

DSC_8802

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress   Blog da Antropoloxia Galega

Wordpress En Facebook

Twitter   En Twitter

Youtube   En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

Aviso Legal