Sociedade Antropolóxica Galega
Galician Anthropological Society


Proxecto de recuperación do Entroido de Marcón

 

PROXECTO DE RECUPERACIÓN DO

ENTROIDO TRADICIONAL DE MARCÓN

 

Introdución

Se o Entroido é a combinación desenfreada de cromatismo, balbordo e motilidade, é neste Entroido descoñecido de Marcón onde esa combinación adquire unha dimensión inédita en todo o Carnaval galego. Os elementos principais serían:

 

  • Un boneco de palla, fermosamente vestido con cintas e mantos coloridos, co que baila aquel mozo que o leve na cabeza.
  • Dous labregos, vestidos de branco e con puchos cónicos, que danzan fronte ao portador do Entroido con castañolas e arouxos.
  • Unha horda informe de enmascarados que marcan o ritmo mediante bucinas e caramuxas.

 

Breve resumo etnográfico do Entroido tradicional de Marcón

Na parroquia de Marcón, ata os anos 50, nos que se fixeron os últimos entroidos tradicionais, formáronse bandos nas aldeas de Valadares, O Albeiro, A Varcia, A Ermida e Pintos. Temos indicios -pendentes de estudo- de que chegaron tamén a saír na parroquia de Mourente.

 

Antes da Guerra Civil, compúñanse duns catorce ou quince mozos, e despois do ano 1939, a organización quedou relegada a rapaces, de idades que oscilaban dos 10 aos 14 anos. Podemos obviar os intentos infrutuosos de recuperación dos anos 90.

 

O habitual era que un veterano se encargara de armar o boneco de palla. Buscaba unha galla de carballo que tivese a forma das pernas e a altura dun home. Ensambláballe unha táboa para o brazo esquerdo estendido e cun vimbio facía o brazo dereito, dobrado. Con cordas ataba ao redor da galla a palla centea, dándolle volume para encher os pantalóns brancos e a camisa branca. O brazo dobrado metíase no peto do pantalón. O resto da vestimenta era un chaleco, unha gravata, unha faixa, un pano cruzado, cintas de cores penduradas dos brazos, unha careta pintada cun cigarro na boca, un sombreiro de palla tipo pajilla e un mantelo, o máis bonito posible, colgado polas costas e que no baile tiña que abanearlle visiblemente.

 

Os dous labregos eran mozos vestidos o máis parecido posible ao Entroido. O que os diferenciaba eran uns puchos cónicos enfeitados de papeis de cores e plumas e cintas na cima, arouxos (xouxelas) nas pernas, unhas castañolas na man dereita e un estoque (especie de baioneta con mango adornado) na man esquerda para apoiarse. A súa misión é bailar.

 

Os demais mozos do bando ían mal vestidos, con caretas e algún pucho cónico. Un deles tiña que bailar co Entroido, outro levaba unha cesta para ir colocando os ovos que lles daban nas diferentes casas e outro levaba un peto para os cartos. Todos ían provistos de bucinas e caramuxas.

 

Dende o 15 de xaneiro (día de Santo Amaro) polas noites o Entroido era anunciado con estas caramuxas, a xente sabía así da proximidade dunha das festas máis importantes do ano.

Xa no domingo de Entroido, pola mañá, xuntábase o bando tocando as bucinas, e dedicaban o día enteiro para percorrer a parroquia, visitando todas as casas. O martes, dependendo dos barrios, chegaban ata Mourente, Bora e Ponte Caldelas.

 

Nas casas pedían permiso e, unha vez obtido o plácet dos donos, lanzaban os seus vivas acompañados das castañolas:

 

E viii...va e que viii...va!

O Entroooi...do da Vaaa...rcia!

E que viii...va, compañíii...a!

E que viii...va os señores da caaa...sa!

 

A continuación, pasaban a bailar o mozo do Entroido e os dous labregos, movendo ritmicamente as súas pernas dereitas cos arouxos, e co son das bucinas, tuh tuh tuh! tuh tutuh tuh, tuh tutuh tuh! Como premio recibían ovos e cartos. O que non era óbice para incrementar o número de ovos, aproveitando as distraccións dos amos, entrando a roubar nos capoeiros.

 

Así transcorrían os dous días principais da festa. O martes de Entroido, xa pola noite, o boneco de palla, despoxado das súas ricas roupaxes, era queimado nunha fogueira que daba termo a esta festa. Os cartos eran repartidos e os ovos daban para unha comida fraternal.

 

Proposta de recuperación

Froito dun documentado traballo de campo realizado nos últimos anos polo noso compañeiro Xosé Ánxo Rosales, a Sociedade Antropolóxica Galega embárcase agora no proxecto de recuperación e divulgación deste verdadeiro Entroido tradicional que se celebraba ata hai unhas décadas no concello de Ponte Vedra. Para elo buscamos, primeiro, a participación dos colectivos sociais da parroquia de Marcón como único xeito de garantir a continuidade da celebración, unha vez posta en marcha por nós durante os primeiros anos e, segundo, a necesaria implicación do concello de Ponte Vedra para poder achegar esta expresión do Entroido á vila, axudando, por unha banda, a divulgar e dar a coñecer a variedade fascinante do noso Entroido tradicional e, por outra banda, a enriquecer o Carnaval urbano pontevedrés engadindo unha mostra da nosa tradición autóctona e local.  

 

No noso intento de recuperación, é prioritario o respecto á tradición e recalcar a orixe e arraigo desta festa na parroquia de Marcón. Non obstante, tendo en conta xustamente esa tradición, vemos a oportunidade de ligar este Entroido á vila de Ponte Vedra, con vistas a asegurar a súa continuidade no futuro. A proposta de recuperación que aquí desenvolvemos inclúe, non só a saída do bando do Entroido pola parroquia de Marcón (como era tradición), senón incluír tamén a vila de Ponte Vedra no percorrido do martes de Entroido, pois era xustamente nesta data cando, antigamente, o bando saía fóra da súa parroquia.

 

O interese sociocultural e incluso turístico da recuperación deste Entroido para a vila de Ponte Vedra é indubidable, se sabemos apreciar o potencial plástico e sonoro do bando e se somos quen de valorar o universo simbólico e cultural que se desprega ao seu redor. Así que para levar a bo porto a proposta é fundamental darlle o marco adecuado para o seu desenvolvemento. Estamos a falar dunha expresión tradicional do Entroido galego que se desenvolvía, obviamente, no ámbito rural. Xa que logo, non estamos ante unha mostra de Carnaval urbano susceptible de pechalo nun casino ou teatro, nin de enmarcalo dentro do mundo das comparsas e os desfiles. En consecuencia, pensamos que a mellor forma de adaptalo ao ámbito urbano é desenvolvelo dentro da Zona Vella e de xeito independente do fenómeno das comparsas. Para manter, na medida do posible, a maior fidelidade á forma tradicional deste Entroido e conservar o maior número posible de elementos e signos externos, tamén sería interesante facer presentes as máscaras, só coas bucinas e caramuxas, as semanas anteriores ao Entroido, en concreto dende o día de Santo Amaro (15 de xaneiro), anunciando pola vila —como se facía no rural— a proximidade da festa do Entroido.

 

Dossier fotográfico

       Imaxes do último intento de recuperación do Entroido de Marcón. Anos 80

 

Imaxes do último intento de recuperación do Entroido de Marcón. Anos 80

Bando de adultos do Entroido tradicional de Marcón. Anos 80. Obsérvese, aínda que xa deturpados, os labregos (danzantes), o Entroido (moneco) e os tocadores de bucinas.

Bando de adultos do Entroido tradicional de Marcón. Anos 80. Obsérvese, aínda que xa deturpados, os labregos (danzantes), o Entroido (moneco) e os tocadores de bucinas.

 

 

Os instrumentos do bando do Entroido

 

Bucinas ou caramuxas cuxo son acompaña ao baile do Entroido.

Castañolas que tocan os labregos cando bailan

 

Castañolas que tocan os labregos cando bailan

 

Xouxelas que leva o labrego na perna e soan ao bailar

Contactos

Sociedade Antropolóxica Galega

Síguenos na Rede

Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.

Wordpress   Blog da Antropoloxia Galega

Wordpress En Facebook

Twitter   En Twitter

Youtube   En Youtube

 En Ivoox

 En Isuu

Aviso Legal