O ano 2013 ten sido un período con grandes novidades referentes a unha das iconas máis senlleiras do ámbito cultural atlántico europeo: Stonehenge. Das investigacións concluídas neste ano derivouse a consecuencia de que o proceso de sacralización do lugar tiña comezado uns 5.000 anos antes do que se pensaba, o cal significa que foron as sociedades de cazadores e recolectores as que encetaron o grande proxecto paisaxístico a gran escala no que se transformou toda a rexión da chaira de Salisbury, na bisbarra de Wiltshire. Mesmo Peter Rowley-Conwy, profesor de arqueoloxía na Universidade de Durham, ten afirmado, para a BBC, que Stonehenge ten o potencial para se converter nun dos meirandes sitios mesolíticos de todo o Noroeste europeo.
Na SAGA, tamén durante este ano 2013, estivemos e percorremos esta rexión británica co gallo de observar cos nosos propios ollos a abraiante enerxía despregada por unhas comunidades que decidiron que cumpría modificar o mundo xa que, probablemente, carecía de certas características que consideraban necesarias. Aquela paisaxe non era dabondo. Non traía “de serie” os elementos imprescindibles para o axeitado despregue dunha nova e titánica maneira de ver o mundo.
Avenida de menhires en Avebury
A firmeza e vontade daquelas xentes tendía cara á modificación tanto da fasquía da paisaxe como do seu contido. Hoxe fálase moito do concepto da “realidade aumentada”; en certo sentido esta é xa unha idea moi antiga que neste caso si que semella vir “de serie “ co concepto mesmo de ser humano xa que todas as culturas teñen aplicado a fórmula dun xeito ou doutro.
Ao fondo á esquerda a montaña artificial de Silbury hill
Na contorna da gran chaira de Salisbury, no sur da Gran Bretaña, o modelo foi levado preto do paroxismo. As ideas de Colectividade, Ritmo e Afiliación foron xestionadas polas comunidades prehistóricas da zona e empregadas coma áncoras de identidade deseñadas á escala das súas descomunais expectativas culturais. A viaxe da SAGA tentou ser un percorrido por eses conceptos.
A palabra “colectividade” dá conta da idea de comunidade dende unha perspectiva dinámica. Unha sociedade que bule a prol dos seus intereses, que transforma iso que hoxe denominamos como “ a paisaxe”, ao mesmo tempo que tamén a incorpora nas súas creacións. Neste sentido está ben documentada a transposición selectiva e significativa de certos elementos presentes no medio natural, como poden ser certas terras e as súas cores ou outras propiedades, específicas, castes de pedras, etc.
Esta coidadosa planificación de todo o proceso construtivo deuse en toda a fachada atlántica do continente. Resulta ilustrativo, por exemplo, este parágrafo relativo ó túmulo de Skelhoj, na península de Xutlandia:
“ The strictly planned construction of the barrow the use of large amounts of water in the burial ritual, the different working groups visible in the carefully documented turf sections, the use of turf from different parts of the landscape all speak of the monument as a socially constructed memory, not only commemorating the deceased, but commemorative of the participants in the funeral ceremony itself.”( 1)
Fronte ao West Kennet long barrow
Efectivamente, e tal como explica o dito capítulo, estes monumentos non conmemoraban unicamente o falecido e as súas circunstancias. Eran tamén un xeito de conmemorar a todos os participantes, a toda a sociedade da cal o defunto facía parte. Iso que hoxe predicariamos coma “paisaxe” era pois, máis ben, un cosmos ideolóxico que ficaba sintetizado como unha “a socially constructed memory”, unha memoria construída socialmente. Unha realidade construída pola propia sociedade, co gallo de servir, xa que logo, aos seus intereses colectivos. Isto mesmo podería dicirse de todos os outros monumentos megalíticos, non so europeos, senón en calquera parte. Tamén na Gran Bretaña, onde esta idea pode ser percibida inda hoxe, cunha magnificencia e claridade extraordinarias.
Interior do magnífico túmulo de West Kennet (long barrow)
Moitas veces as relacións astronómicas destes monumentos aparecen como albo central en moitos estudos que ligan a arqueoloxía e a astronomía. Despréndese deles que o tempo, iso que determinan o reloxos, foi unha cuestión de vital importancia na antigüidade. Mais a idea de “tempo” vai aparellada coa de “ritmo”, sexa o dos ciclos naturais ou doutra clase.
Todos estes traballos, como a loxística implicada na construción de Stonehenge, coas súas diferentes etapas afastadas entre si moitas xeracións, foron desenvolvidos, probablemente, dentro dunha idea de “presente continuo” ou de atemporalidade orixinaria, onde naceron as normas, os ideais, os valores. Quizais nada máis afastado dos hoxe en día tan manidos e prevalentes conceptos de “progreso” e “crecemento” económico ou social.
Esta idea é común a todos os grupos humanos tradicionais, sexa con menor ou maior intensidade. É plausible pois, entender estas paisaxes megalíticas, titánicas ou ciclópeas sen dúbida, como un proxecto de reconstrución dunha paisaxe ancestral, arquetípica e perfecta á cal cómpre regresar mediante o expediente fúnebre posterior á morte. É por isto que o derradeiro suceso adoita ser considerado como unha viaxe. Se cadra tamén foi así en Stonehenge e a bisbarra da actual Wiltshire.
Por último a “filiación” -entendida como a estreita relación cos devanceiros e mesmo a inferencia de que debeu existir o convencemento, naquela xente, da existencia dunha sorte de “plano superior” no que moraban os antepasados- semella ben establecida pola importancia da finalidade mortuoria constatada nestas arquitecturas. Mais nós, tamén, pensamos, como Marcel Mauss (2) , que, en realidade, a morte é un “fenómeno total”. Un feito que implica a toda a comunidade e que determina, antes que outra cousa, o xeito de vivir. Deste xeito entendemos que toda a loxística e as adaptacións sociais precisas para a transformación monumental, e case que teatral da paisaxe enteira, conten unha ensinanza fundamental segundo a cal a historia é memoria e a memoria é identidade. Ou debe selo.
[1] Goldhahn, Joakim (2008). From monuments in landscape to landscape in monuments. Death and landscape in Early Bronze Age Scandinavia. In: Jones, Andy (ed.). Prehistoric Europe. Global Archaeologies Series. Oxford and New York, Blackwell, 56–85. pg. 68.
[2] Mauss M. « L’expression obligatoire des sentiments »« L’expression obligatoire des sentiments
(rituels oraux funéraires australiens) », Journal de psychologie, 18, 1921. “Les classiques des sciences sociales “Site web: http://www.uqac.uquebec.ca/zone30/Classiques_des_sciences_sociales/index.html
Fotografías: SAGA
Sociedade Antropolóxica Galega
Segue a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) nas Redes Sociais.
Blog da Antropoloxia Galega
En Twitter
En Youtube
En Ivoox
En Isuu
Aviso Legal