O vindeiro venres 10 de outubro ás 19.30h na Galería Sargadelos de Pontevedra a Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) terá o pracer de presentar a obra “ÁS VOLTAS COA DIVERSIDADE CULTURAL”. AS CONFERENCIAS DE CLAUDE LÉVI-STRAUSS PARA A UNESCO. Unha edición do xenetista e profesor da USC José M. Álvarez-Castro.
Coidamos que a importancia deste libro ben merece toda a difusión posible. Unha importancia dobre, primeiro porque recolle por primeira vez nun só volumen as tres conferencias da ONU do ilustre e fundamental antropólogo francés Lévi-Strauss e, segundo, porque o idioma elixido para facer este primeiro compendio xamais editado foi o galego, a nosa lingua.
Quedan todos vostedes invitados a este acto que non se debería perder ninguén que estea interesado na antropoloxía e na defensa da diversidade cultural.
Como xustificarmos aquilo que nos parece obvio?
Onde atoparmos argumentos sólidos e ecuánimes fronte a quen nega a evidencia?
Este volume axúdanos a deliñar e valorizar os alicerces do edificio que ampara a diversidade cultural.
A continuación un breve texto sobre o libro tirado do blog de Edicións da Curuxa.
A defensa do noso idioma é unha batalla fundamental dun obxectivo máis amplo, a supervivencia da nosa cultura, o cal á súa vez se enmarca no contexto da interacción entre as diversas identidades culturais do noso planeta. Tanto a tentativa de preservarmos en xeral a diversidade cultural como a de mantermos viva en concreto a nosa lingua veñen sendo obxecto nos últimos tempos de agresións máis ou menos explícitas, máis ou menos bastas, mais nunca inocuas. É por iso que recollemos neste volume as conferencias que o egrexio antropólogo Claude Lévi-Strauss elaborou por encomenda da UNESCO contra o racismo, sentando as bases dunha civilización mundial na que as diversas culturas poidan perpetuar a súa orixinalidade de xeito harmónico. Estamos daquela a botar man de décadas de esforzo internacional na procura dun consenso sobre diversidade cultural, e a empregalas como compás co que navegarmos en galego no mar da civilización mundial.